Continuando os seus contactos directos coa diáspora galega máis afastada, Miranda inicia unha viaxe ao interior de Cuba

O secretario xeral da Emigración visitará as provincias de Villa Clara e Camagüey, e tamén presentará na Habana as novas bolsas da Xunta para atraer os currículos académicos máis brillantes para que completen a súa formación universitaria en Galicia

Contactos institucionais na Embaixada, e con representantes das entidades galegas presentes na illa, completan a axenda desta nova viaxe de Miranda

Continuando os seus contactos directos coa diáspora galega máis afastada, Miranda inicia unha viaxe ao interior de Cuba
Continuando os seus contactos directos coa diáspora galega máis afastada, Miranda inicia unha viaxe ao interior de Cuba
Santiago, 24 de abril de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe una nova viaxe á República de Cuba, onde centrará a súa actividade nas provincias do interior, na súa liña de coñecemento e contacto directos coas comunidades galegas máis afastadas dos grandes núcleos de poboación.

Así, manterá un encontro coas colectividades de paisanos residentes nas provincias de Santa Clara e Camagüey, no interior central da illa. Alí vive un número destacado de galegos e descendentes, que manteñen un importante vínculo cultural e familiar coa terra de orixe, pero que polas dificultades de transporte interior no país non sempre poden compartir os eventos e celebracións da Galeguidade residente na capital.

Antes de moverse ao interior, Miranda presentará as novas Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, cuxo prazo de solicitude está xa aberto e estenderase ata o 31 de maio. Con estas axudas, o Goberno galego posibilita que cen titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, podan cursar estudos de máster nalgunha das tres universidades galegas. Esta nova medida captará para Galicia o talento máis brillante de entre as mozas e os mozos residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novos residentes no territorio. A oferta centrarase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

Completan a axenda do secretario xeral nesta nova viaxe a Cuba un encontro institucional co embaixador de España en Cuba, Juan José Buitrago, e outro cos presidentes das entidades galegas presentes na illa, así como unha xuntanza co presidente da Federación de Sociedades Galegas na República de Cuba,  Sergio Toledo.

 

Galegos en Cuba

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, residen arestora na República de Cuba un total de 40.750 galegas e galegos. Deles, 40.300 (é dicir, o 98’9 por cento) naceron xa na diáspora, pero manteñen unha fonda ligazón persoal e familiar coa terra de orixe.

410 lecturas