Continúa aberta a campaña de recuperación documental e fotográfica da emigración galega que está a levar a cabo o Consello da Cultura Galega

O proxecto trata de reconstruír e conservar a memoria colectiva da identidade galega espallada máis alá das nosas fronteiras.

O proxecto trata de reconstruír e conservar a memoria colectiva da identidade galega espallada máis alá das nosas fronteiras
O proxecto trata de reconstruír e conservar a memoria colectiva da identidade galega espallada máis alá das nosas fronteiras
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2015.
Listen to this page using ReadSpeaker

O Arquivo da Emigración Galega pretende ser un espazo de relación permanente, que axude a reconstruír e conservar a memoria colectiva da identidade galega espallada máis alá das nosas fronteiras.

Para configurar un retrato social da emigración galega desde os seus inicios ata a actualidade, é precisa a colaboración das persoas que un día decidiron partir da súa terra natal, elas son: as nosas e os nosos emigrantes. Moitas familias galegas conservan nos seus fogares as fotografías, películas, documentos ou obxectos que dan conta do que foi a súa vida cotiá ou a dos seus e as súas familiares, no país de emigración. Dito material representa unha alfaia que aglutina as distintas vivencias e modos de enfrentarse a mundos descoñecidos, contribuíndo a poñer en valor o papel xogado pola emigración en Galicia.

O material que se recolla servirá para a investigación e difusión NON COMERCIAL, polo que non se verán infrinxidos nin os dereitos do autor ou autora, nin da persoa propietaria das imaxes e documentos que sexan cedidos ao Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega.

Conscientes do coidado necesario na forma de recoller os testemuños e documentos persoais das nosas e os nosos protagonistas e colaboradores neste proxecto, é preciso destacar que todo o material que sexa cedido, ben orixinal ou ben para a súa reprodución ou copia e posterior devolución, será custodiado e conservado respectando as condicións que impoña cada persoa que colabore coas fotos ou documentos da súa colección particular.

A continuación preséntase unhas pequenas instrucións (picar aquí para descargar) para facilitarlle a achega ás persoas que queiran colaborar co proxecto. O Arquivo da Emigración Galega agradece a todas as persoas doantes a súa contribución e/ou a da difusión desta campaña.

 

Fonte e foto: Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega

560 lecturas