A Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas reunirase en Santiago de Compostela o vindeiro 24 de xullo

Será a súa primeira xuntanza tras a aprobación polo Parlamento de Galicia, o pasado 11 de xuño, da nova Lei de Galeguidade.

Terá lugar na Cidade de Cultura de Galicia, no Gaiás compostelán, na véspera do Día de Galicia.

Foto de arquivo da apertura do X Pleno do Consello de Comunidades Galegas, celebrado en Santiago de Compostela o pasado verán
Foto de arquivo da apertura do X Pleno do Consello de Comunidades Galegas, celebrado en Santiago de Compostela o pasado verán
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2013.
Listen to this page using ReadSpeaker

O Diario Oficial de Galicia de hoxe, mércores 3 de xullo de 2013, publica a convocatoria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas (CCG), órgano representativo das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia. A Comisión Delegada, órgano permanente do CCG, reúnese con carácter anual, e a súa última xuntanza tivo lugar no mes de xuño do pasado ano na capital de Galicia.

Integran este órgano delegado de representación da diáspora para o presente mandato (2012-2015) as ou os representantes do Centro Gallego de Buenos Aires e da Casa de Galicia de Montevideo (membros permanentes); as ou os representantes da Unión del Partido Judicial de Órdenes de Bos Aires, da Hermandad Gallega en Caracas, da Sociedade Cultural Rosalía de Castro de La Habana e do Centro Gallego de Montevideo (membros pola circunscrición americana); as ou os representantes da Xuventude de Galicia - Centro Galego de Lisboa, do Centro Galego de Londres, do Centro Gallego de Bruxelas e do Centro Cultural Gallego de Frankfurt (membros pola circunscrición europea); e as ou os representantes da Agrupación Cultural Galega Saudade de Barcelona, do Centro Gallego de Salamanca,  da Asociación Hijos de Galicia de Sestao e do Lar Gallego de Sevilla (membros pola circunscrición española).

Na orde do día desta reunión que se celebrará na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o próximo 24 de xullo, e que será a primeira trala aprobación polo Parlamento de Galicia o pasado 11 de xuño da nova Lei de Galeguidade -precisamente nacida do consenso coas comunidades galegas do exterior-, establécense os seguintes puntos:

  1. Constitución da comisión.
  2. Informe sobre a Lei da galeguidade aprobada polo Parlamento de Galicia.
  3. Presentación do documento de liñas básicas de estrutura dos decretos de recoñecemento da galeguidade, rexistro e órganos de representación do Consello de Comunidades Galegas.
  4. Informe do estado actual das accións emprendidas por varias comunidades galegas no referente aos correspondentes procesos de unión.
  5. Rogos e preguntas.

 

749 lecturas