Cincuenta mozas e mozos galegos do exterior poderán coñecer e fortalecer os seus vínculos coa terra de orixe grazas ao programa “Aventúrate con Galicia”

Emigración reforza con estoutro programa a ligazón coas xeracións de galegas e galegos xa nados na diáspora para fomentar que retornen á terra.

Mercé a colaboración entre Emigración e Política Social, rapazas e rapaces galegos da diáspora entre 14 e 17 anos de idade compartirán con residentes no territorio, a segunda quincena de xullo, actividades en tres lugares emblemáticos de Galicia, en instalacións dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Na foto, unha das actividades de mar e de praia na Residencia xuvenil de Gandarío (Bergondo - A Coruña)
Na foto, unha das actividades de mar e de praia na Residencia xuvenil de Gandarío (Bergondo - A Coruña)
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Emigración publicou a resolución pola que se convoca o programa -por segundo ano- Aventúrate con Galicia, iniciativa dirixida a mozos e mozas con orixes en Galicia, e que residan no Exterior, realizado coa colaboración da Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Son tres as modalidades nas que se desenvolve o programa. A primeira, a de actividades no mar, ten como sede a residencia xuvenil de Gandarío, e para ela convócanse 20 prazas. A segunda, de actividades de natureza, ambiente e mar, ten un número similar de prazas e desenvolverase no Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro. E a terceira, que leva por nome “Actividades de Aventura T”, ten 10 prazas e realízase no Campamento Xuvenil de Chacotes (Palas de Rei). Os tres centros dependen da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.

Segundo se estipula na resolución hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia, que especifica a documentación a presentar polas persoas solicitantes, e os detalles do desenvolvemento do programa, o prazo para a presentación de solicitudes remata o 8 de maio.

A Xunta pon a disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas ao mesmo. Igualmente, responsabilízase do desprazamento das e dos beneficiarios desde o aeroporto ou estación correspondente ata a instalación base das actividades.

Pola súa parte, cada unha das persoas beneficiarias farase cargo da organización e pagamento dos custos da súa viaxe de ida e de volta aos seus lugares de residencia ata e desde Galicia. Igualmente realizará as xestións necesarias para a saída e a entrada ao país, tales como visados ou pagamento de taxas.

Unha iniciativa máis
Este novo programa complementa outros dirixidos á mocidade que Emigración vén desenvolvendo desde hai anos, tales como Conecta con Galicia, Escolas Abertas, ou os distintos obradoiros e cursos que organiza para a formación das segundas xeracións dos galegos e galegas no Exterior.

Cómpre lembrar, neste aspecto, que do total de cidadás e cidadáns galegos residentes fóra do territorio, 7 de cada 10 xa naceron na diáspora, polo que reforzar os vínculos coa terra dos seus pais, nais e avós e avoas tense convertido nun obxectivo fundamental para a Xunta.

As actividades realizaranse na segunda quincena do mes de xullo, e van dirixidas a mozos e mozas residentes fóra de Galicia con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos de idade. Levaranas a cabo, como o resto de programas que desenvolve Emigración, xunto con mozos e mozas residentes na Galicia territorial.

1858 lecturas