A Cidade da Cultura acolleu a reunión do máximo órgano de representación da diáspora galega en todo o mundo

O Presidente Feijóo, o vicepresidente Rueda, e mailo conselleiro de Educación, acudiron a saudar á Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas, que se reuniu presidida polo secretario xeral da Emigración.

As e os 14 membros representantes da Emigración analizaron as posibles vías de desenvolvemento regulamentario da recentemente aprobada Lei de Galeguidade.

As e os integrantes do órgano aproveitarán a xornada de mañá para participaren nos actos oficiais do Día de Galicia en representación da cidadanía do Exterior.

  • O presidente da Xunta, o vicepresidente e o secretario xeral da Emigración cos e coas membros da Comisión Delegada do CCG
    O presidente da Xunta, o vicepresidente e o secretario xeral da Emigración cos e coas membros da Comisión Delegada do CCG
  • Fotografía da xuntanza ordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
    Fotografía da xuntanza ordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
  • Fotografía da xuntanza ordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
    Fotografía da xuntanza ordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
  • Fotografía da xuntanza ordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
    Fotografía da xuntanza ordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu a xuntanza ordinaria da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, máximo órgano de representación e reflexión entre plenarios do Consello. As e os catorce membros da Comisión tamén recibiron o saúdo do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do vicepresidente Rueda, que compartiron as inquedanzas da diáspora por espazo de máis dunha hora, unha vez concluíu a reunión semanal do Goberno galego. Xa rematada a xuntanza, pola tarde, acudiu asemade o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez.

A reunión da Comisión tivo como fío argumental as posibilidades de desenvolvemento normativo da Lei de Galeguidade, recentemente aprobada polo Parlamento de Galicia, tras ser amplamente consensuada coa diáspora precisamente na última celebración do Consello de Comunidades en xuño do ano pasado.

Trala apertura da sesión a cargo de Miranda e a lectura do informe sobre a Lei, presentouse o documento de liñas básicas de estrutura dos decretos de recoñecemento da galeguidade, rexistro e órganos de representación do Consello de Comunidades Galegas, apartado previsto na citada norma autonómica, e paso previo para calquera desenvolvemento posterior.

Xa á tarde, e trala intervención das e dos distintos membros da Comisión, analizouse o estado actual das accións emprendidas por varias comunidades galegas no referente aos correspondentes procesos de unión, aspecto explicado polo secretario xeral da Emigración e membros do seu equipo.

A Lei de Galeguidade
Entre os eixos da nova Lei de Galeguidade, cabe destacar a incorporación ao seu articulado da importancia das Comunidades Galegas no Exterior como axuda á proxección económica de Galicia. Tamén cómpre salientar, como outro dos aspectos clave do novo texto legal, a preservación do patrimonio material e inmaterial das entidades galegas.

Faise fincapé asemade na conveniente unión dos centros da diáspora, para poderen seguir garantindo as súas prestacións, sobre todo as socioasistenciais, que son as máis relevantes para os galegos e as galegas da diáspora, e tamén para as entidades galegas no Exterior. Neste senso, o fomento da unión entre entidades, que recolle o texto, persegue a mellora dos servizos que prestan as entidades e a eficiencia no investimento dos recursos.

O texto reflicte e fomenta o papel histórico e de presente das mulleres na Emigración galega, e a necesidade da súa participación plena no ámbito da Galeguidade. Igualmente, fai un recoñecemento ás mozas e mozos, garantes da permanencia da chama da galeguidade en moitos lugares do planeta, e necesarios para a renovación xeracional. Como novidade relevante, cómpre destacar que durante a súa tramitación parlamentaria introduciuse a regulación da condición de persoa emigrante retornada.

Outras actividades
Rematada a xuntanza, as e os integrantes da Comisión visitaron a Cidade da Cultura e, dentro dela, percorreron con especial atención a exposición 'Orinoco: Viaxe a un mundo perdido', unha homenaxe excepcional á tradición cultural das doce etnias que habitan o Amazonas venezolano. Composta por unha ampla selección de obxectos utilitarios de cada un dos grupos indíxenas, a colección consta de máis de 1.500 pezas recompiladas durante cincuenta anos de exploracións.

Asemade, está previsto que mañá xoves, e coincidindo co Día de Galicia, participen en varios dos actos oficiais, en representación da Galicia do Exterior. Cómpre lembrar que, á marxe da importancia histórica da diáspora, máis do 15 por cento das cidadás e dos cidadáns galegos residen fóra de España.

Persoas membro da Comisión
Forman parte da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas catorce persoas membros en representación de cadansúa entidade, auténtica depositaria da representación. Destes e destas 14 membros, doce son electos (catro en representación da diáspora en España, catro da de Europa, e catro da de América) e dous natos.

Tralo plenario do Consello no pasado ano, foron elixidos pola demarcación española a Agrupación Cultural Saudade de Barcelona, o Centro Galego de Salamanca, a Agrupación Fillos de Galicia de Sestao (Biscaia), e o Lar Galego de Sevilla. Pola demarcación europea, saíron electos o Centro Galego de Lisboa, o Centro Cultural Galego de Frankfurt, o Centro Galego de Londres, e o seu homólogo de Bruxelas.

Pola parte da diáspora en América, represéntana a Hermandad Gallega de Venezuela, o Centro Galego de Montevideo, a Asociación Unión do Partido Xudicial de Ordes de Bos Aires, e a Sociedade Cultural Rosalía de Castro de La Habana. Son membros natos da Comisión o Centro Galego de Bos Aires, e a Casa Galicia de Montevideo.

1267 lecturas