Chegan as cen primeiras persoas participantes na edición 2013 do programa “Reencontros na Casa”

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, achegarase recibir un segundo continxente o vindeiro mércores.

A iniciativa forma parte da aposta do Goberno galego por manter o investimento en políticas sociais que beneficien directamente á cidadanía.

  • Imaxe da chegada esta mañá das e dos participantes ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela)
    Imaxe da chegada esta mañá das e dos participantes ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela)
  • Imaxe da chegada esta mañá das e dos participantes ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela)
    Imaxe da chegada esta mañá das e dos participantes ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela)
  • Imaxe da chegada esta mañá das e dos participantes ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela)
    Imaxe da chegada esta mañá das e dos participantes ao aeroporto de Lavacolla (Santiago de Compostela)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2013.

As e os cen primeiros participantes da edición deste ano do programa “Reencontros na Casa”, iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración, comezaron chegar hoxe luns aos aeroportos de Lavacolla e Alvedro. O vindeiro mércores chegará o outro continxente de beneficiarios e beneficiarias a ambos aeroportos, ata acadar a cifra total deste ano, 187; precisamente, entre as persoas que recibirán a este segundo continxente no aeródromo coruñés estará o titular da Secretaría Xeral, Antonio Rodríguez Miranda.

Algo antes das nove da mañá aterraba o primeiros dos voos en Santiago coas e cos 50 primeiros, procedentes da República Arxentina, e en torno ás once e media facíao o segundo continxente, cun total de 51, procedente do mesmo país, e que tomaba terra na Coruña.

O programa “Reencontros na Casa“ ten por obxecto ofrecer a posibilidade de achegarse á súa terra, e á súa familia, aos galegos e galegas residentes nos diferentes países de Latinoamérica. A través deste programa facilítase que estas e estes emigrantes teñan a oportunidade de redescubrir as súas raíces, e ao tempo ponos en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron. Para algunha e algún deles, de feito, é o primeiro retorno á súa terra de nacemento, desde que iniciaran a súa andaina alén o Atlántico.

Ata 90% da pasaxe
O programa establece a concesión de axudas, polo valor do 60 por cento do custo da pasaxe, entre os seus países de residencia e Santiago de Compostela, agás no caso de Venezuela e Cuba. Nestes dous países, a axuda consiste nun 80 e 90 por cento do custo da pasaxe, respectivamente, por mor da situación económica e as dificultades para acceder ás divisas necesarias.

O papel da Administración galega, ademais de sufragar esta parte importante do billete, é o de velar pola súa saúde no traslado, e organizar coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe das e dos beneficiarios da iniciativa. A duración da estadía en Galicia non pode prolongarse en ningún caso máis aló dos tres meses.

Condicións das persoas beneficiarias
As condicións que se establecen na edición deste ano do programa non varían respecto de anos anteriores, como non o fai o orzamento destinado por Emigración para o seu desenvolvemento. Trátase dunha nova aposta do Goberno galego por manter as liñas de actuación social que benefician directamente aos cidadáns e ás cidadás, de maneira que as políticas socio asistenciais se manteñan mesmo en tempos de crise económica.

Para se beneficiar do programa, a persoa solicitante debeu acreditar ser emigrante galega ou fillo ou filla de emigrante galego ou galega, residir en Latinoamérica, ter máis de 55 anos, ser válida por si mesma, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral de Emigración, ter familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia, así como ter ingresos inferiores a tres veces o importe da pensión asistencial española por ancianidade marcada para o país de residencia (cantidade distinta á correspondente en España). Igualmente, poden beneficiarse as e os cónxuxes das e dos emigrantes galegos que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa.

Perfil das persoas participantes
Aínda que as e os participantes teñen máis de 55 anos, cómpre subliñar que a media de idade do continxente deste ano é de 73 anos. De entre as e os beneficiarios de este Reencontros na Casa 2013, o 83 por cento participa por vez primeira na iniciativa, e algunha e algún deles non volvera a Galicia desde que decidiran poñer rumbo ao seu novo fogar en Latinoamérica. Un dos beneficiarios, que chegaba esta mañá a Lavacolla, hai 59 anos que non pisaba terra galega.

Ademais, é salientable a presenza de varias e varios beneficiarios que superan con creces esa media de idade, achegándose ás nove décadas, tal e como xa sucedera noutros anos: así, nesta ocasión, destacan tres persoas participantes de 89, 87, e de novo 87 anos, as tres procedentes de Arxentina.

1279 lecturas