Camba viaxa a Venezuela, onde se interesará polas xestións para liberar o empresario galego secuestrado

Visitará asemade os centros galegos de Caracas, Valencia e Maracay.

Listen to this page using ReadSpeaker
8 de febreiro de 2012.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, comeza unha nova viaxe a Venezuela, un dos países latinoamericanos nos que se centra o labor do seu departamento. Os galegos e as galegas que residen alí son en moitos casos emprendedores e emprendedoras que están a sortear de maneira exemplar a complicada situación económica.

Estes empresarios galegos e galegas son nalgúns casos vítimas -o mesmo que o resto do sector empresarial venezolano e doutros países latinoamericanos- de delitos que atrancan ou imposibilitan o normal desenvolvemento da súa actividade. Así, nas últimas semanas coñecíase un novo caso de secuestro dun empresario de orixe galega, por cuxos pormenores se interesará Camba nunha entrevista persoal co embaixador, e o cónsul xeral, de España en Venezuela.

Se ben a discreción é obrigada nestes casos, desde o primeiro momento do coñecemento deste caso a Xunta púxose á enteira disposición das autoridades venezolanas, e das consulares españolas, como xa fixera en casos similares anteriores. A Xunta, desde o máximo respecto pola familia e a actuación dos gobernos venezolano e español, axudou e axudará en todo o posible, e ten amosado en todo momento o seu máis firme respaldo ás e aos representantes da diáspora galega no país caribeño.

Tres centros
Na axenda do secretario xeral, ademais dese encontro coas máximas autoridades consulares, consta a visita a tres centros galegos. O primeiro é o de Caracas, a Hermandad Gallega de Venezuela, referente das emigracións galega e española no continente andino, e un oasis fermoso e tranquilo da convulsa cidade. Trátase do centro neurálxico da actividade social e cultural non só da diáspora do país, senón tamén de moitas cidadás e cidadáns venezolanos.

Asemade, Camba cursará visitas a outras dúas entidades galegas en Venezuela. En primeiro lugar, viaxará ata a Hermandad Gallega de Valencia, centro que desde 1979 ofrece unha amplísima carteira de servizos aos seus socios, e con cuxa directiva se reunirá Camba para coñecer de primeira man o decurso dalgunhas das obras e servizos realizados máis recentemente.

Finalmente, xa en Maracay, o máximo responsable de Emigración da Xunta de Galicia visitará a Asociación Fillos de Galicia, en cuxa sede do Edificio Hispano-Venezolano xa estivera hai dous anos, coñecendo de preto o desenrolo dalgunhas das actividades que leva a cabo este centro, que aglutina á diáspora galega da devandita cidade, a cabalo entre Valencia e Caracas.
 

681 lecturas