Camba confirma desde Chile que "A comunidade Galega está ben e non hai membros do colectivo con dificultades"

Camba expresou ante os galegos do Estadio Español “o compromiso do goberno de Núñez Feijóo coa súa xente alá onde se encontre”.

Listen to this page using ReadSpeaker
7 de marzo de 2010.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, quen chegaba na tarde de onte a Santiago de Chile- noite en Galicia- vén de confirmar desde a capital, Santiago, que “a comunidade galega está ben e non sufriu danos persoais”. Puntualizou, así mesmo, que “as repercusións materiais son maiores canto máis nos aproximamos ao Sur da capital”, se ben, “non hai membros do colectivo con dificultades”.

Na tarde de onte o responsable de Emigración tivo ocasión de avaliar as necesidades sobre o terreo e coñecer a realidade humana. Camba di terse atopado cun “panorama un tanto desolador, mais cunha xente animada, con ganas de traballar e de refacer o país”.

Portador solidario e afectuoso de tódolos galegos
O secretario xeral mantivo un encontro coa colonia no Estadio Español, na que é a súa primeira viaxe ao país austral e “o acontecido trastocou o habitual na planificación propia deste tipo de visitas”, aseguraba Camba, “pero reafirma o espírito que as anima, o de estar preto da nosa colectividade alá onde se encontre, como compromiso do goberno galego coa súa xente”, expresou ante a colonia.

O secretario xeral da Emigración no transcurso dunha xuntanza con cónsul xeral de España en Chile, Víctor Fajilde, e o delegado da Xunta en Buenos Aires, Alejandro López

O secretario da Emigración puxo de manifesto “a pronta coordinación da Xunta no caso de situacións de catástrofe e asistencia sobre o terreo” e destacou “o labor das entidades galegas como unidades operativas e auténticos lugares de referencia para acometer actuacións de emerxencia”.

"Estes son os momentos en que debemos estar unidos, ser solidarios e compartir cos que requiren de axuda", sinalaba o responsable de Emigración da Xunta de Galicia, “portador solidario e afectuoso de todos e cada un dos galegos que seguen atentos e consternados estes feitos”, concluía Santiago Camba no que foi un “emotivo encontro” cos galegos no país.

Durante esta xornada o secretario xeral da Emigración continuará a examinar “caso por caso” as posibles demandas entre a colectividade e manterase en comunicación permanente co embaixador de España en Chile e mailo cónsul xeral no país, a fin de ter “coñecemento oportuno das novidades e noticias de interese para os galegos e do colectivo en particular”.

1962 lecturas