Cada vez máis estudantes aprenden lingua, literatura e cultura galegas nas universidades brasileiras.

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, visitou o pasado martes 16 de decembro o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Estado do Rio de Janeiro, onde se imparten materias de lingua, literatura e cultura galegas desde 1999.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2010.

Cada vez son máis os estudantes que teñen ocasión de aproximarse á lingua, literatura e cultura galegas nas universidades de Brasil, grazas ao labor do centros de estudos galegos (CEG) que existen actualmente no país. Durante o curso académico 2009-2010, incrementouse o interese e a participación nas materias de galego ofrecidas polos CEG e nas actividades de extensión cultural organizadas como complemento do programa académico.

Entre os CEG atópase o da Universidade do Estado do Rio de Janeiro, onde o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, tivo ocasión hoxe de coñecer o traballo que se está a realizar a través do Programa de Estudos Galegos (PROEG), desde 1999, da man da directora do CEG, Maria do Amparo Tavares, e mais dos bolseiros adscritos ao programa.

Este programa, que ten carácter interdisciplinar e interinstitucional, ten como obxectivos desenvolver, estimular e apoiar actividades relativas ao ensino, á investigación e á extensión en áreas do coñecemento vinculadas coa lingua, a literatura e a cultura galegas, así como promover o intercambio cultural con Galicia. Con este fin, o PROEG inclúe no seu currículo materias optativas de lingua e literatura galegas no Instituto de Letras, ao tempo que promove diversos eventos sobre a cultura de Galicia.

O primeiro Encontro de Cátedras e Centros de Estudos Galegos do Brasil
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración cos responsables das cátedras e centros de estudos galegos brasileiros, levou a cabo esta semana o primeiro Encontro de Cátedras e Centros de Estudos Galegos do Brasil, que tivo lugar na Universidade Federal Fluminense de Niterói.

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo está a promover a proxección exterior do galego desde Brasil a través da Universidade do Estado do Rio de Janeiro, da Universidade de São Paulo, da Universidade Federal de Bahia e da Universidade Federal Fluminense de Niterói.

Ademais de ofrecer disciplinas optativas do currículo académico sobre lingua, literatura e cultura galegas, os CEG desenvolven outras iniciativas para a difusión da lingua, da literatura e da cultura galegas, como conferencias e recitais, a realización de ciclos de cinema ou banda deseñada en galego, a organización de actividades para dar a coñecer o patrimonio material e inmaterial de Galicia ou a conmemoración do Día das Letras Galegas.

1736 lecturas