A Biblioteca América da USC acollerá a reunión anual do máximo órgano de representación da diáspora galega

A Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas analizará o Decreto de Rexistro da Galeguidade -primeiro desenvolvemento normativo derivado da Lei de Galeguidade- recentemente aprobado polo Consello da Xunta.

Na sesión de apertura, o secretario xeral da Emigración dará conta das actuacións do seu departamento, con especial énfase no mantemento e mesmo incremento das partidas orzamentarias destinadas aos colectivos máis desfavorecidos.

As e os membros do órgano analizarán ademais o Plan de Emigración 2014-2016 e as accións en materia de pulo á muller e á mocidade neste ámbito.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2014.
Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, dirixe mañá e pasado na Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela a xuntanza anual da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, máximo órgano de representación e reflexión entre plenarios do Consello.

A Biblioteca América da USC ten especial significado simbólico, por canto é resultado da achega do emigrante compostelán Gumersindo Bustos, que conseguiu consolidar un dos fondos especializados sobre América Latina máis destacados en Europa. Atópase no Pazo de Fonseca, e arestora atesoura preto de 30.000 volumes, ademais de moitos outros obxectos non bibliográficos de especial interese histórico.

Blindaxe do investimento social
As e os catorce membros da Comisión e o equipo directivo da Secretaría Xeral escoitarán o informe de actividade presentado polo titular do departamento. Rodríguez Miranda fará fincapé no esforzo orzamentario desenvolvido para preservar o investimento en materia social, “e de maneira moi especial entre os colectivos máis desfavorecidos. O Goberno galego é moi sensible ás situacións de precariedade que están a vivir os emigrantes galegos, algúns deles de avanzada idade, e moi nomeadamente nalgúns países americanos”, recordou o secretario xeral.

Tamén na sesión da mañá a Comisión terá tempo para analizar o informe en relación coa entrada en vigor do Decreto polo que se regula o recoñecemento e a revogación da condición de comunidade galega e de centro colaborador da galeguidade, o Rexistro da Galeguidade e o seu funcionamento, recentemente aprobado polo Consello da Xunta, e que supón o primeiro desenvolvemento normativo da Lei da Galeguidade aprobada o pasado ano polo Parlamento de Galicia. Esta nova Lei substituíu á súa homóloga de hai 30 anos, que fora pioneira na materia en todo o Estado.

Xa na tarde de mañá xoves, a Comisión analizará o anteproxecto de decreto polo que se aproba a organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas. Con este informe concluirá a primeira das xornadas da xuntanza.

Plan de Emigración 2014-2016
Xa na sesión do venres, persoal da Secretaría Xeral presentará perante as e os membros do órgano de representación da diáspora galega o Plan Integral da Emigración 2014-2016, recentemente aprobado polo Consello da Xunta, que entre outros aspectos blinda, precisamente, o investimento en materia social para os colectivos da diáspora en situación máis precaria.

Tamén se dará conta do informe sobre as actuacións en materia de xuventude e muller que se teñen en posto en marcha, e das que se queren levar a cabo de agora en adiante, coa finalidade de dar maior visibilidade ao relevante papel das mulleres na diáspora, e para garantir o relevo xeracional en tódalas asociacións e entidades fóra da Galicia territorial.

Composición da Comisión
Forman parte da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas catorce persoas membro en representación de cadansúa entidade, auténtica depositaria da representación. Destas e destes 14 membros, doce son electos (catro en representación da diáspora en España, catro da de Europa, e catro da de América) e dous natos.

Tralo plenario do último Consello, foron elixidos pola demarcación española a Agrupación Cultural Saudade de Barcelona, o Centro Galego de Salamanca, a Agrupación Fillos de Galicia de Sestao (Biscaia), e o Lar Galego de Sevilla. Pola demarcación europea, saíron electos o Centro Galego de Lisboa, o Centro Cultural Galego de Frankfurt, o Centro Galego de Londres, e o seu homólogo de Bruxelas.

Por parte da diáspora en América, represéntana a Hermandad Gallega de Venezuela, o Centro Galego de Montevideo, a Asociación Unión do Partido Xudicial de Ordes de Bos Aires, e a Sociedade Cultural Rosalía de Castro de La Habana. Son arestora membros natos da Comisión o Centro Galego de Bos Aires, e a Casa Galicia de Montevideo.

 

620 lecturas