Benestar destina máis de 1,8 millóns a comedores, albergues e casas de acollida tras a ampliación das axudas en 155.000 euros

O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores o incremento adicional do crédito destinado a estes colectivos que traballan con persoas en risco de exclusión.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes a partir da súa data de publicación.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado mércores a convocatoria extraordinaria de axudas dirixida a comedores, albergues e casas de acollida. Tras este incremento de crédito aprobado pola Consellería de Traballo e Benestar, -que suma máis de 155.000 euros-, o montante total que o Goberno galego destinará este ano a estes colectivos que traballan a favor das persoas en risco de exclusión social ascende a máis de 1,8 millóns de euros.

As entidades interesadas en optar ás subvencións da Xunta terán de prazo un mes para presentar as súas solicitudes, que contará a partir do pasado xoves. A documentación requirida para optar a estas axudas deberá presentarse no rexistro único dos servizos centrais ou nos servizos periféricos da Consellería de Traballo e Benestar.

Cada unha das solicitudes será avaliada por unha comisión de valoración que terá en conta unha serie de criterios técnicos entre os que destacan: o número de persoas usuarias do servizo para o que se terá en conta un promedio de persoas días/ocupados; a carencia de servizos públicos das mesmas características na mesma localidade; o financiamento público xa recibido no actual exercicio; ou a existencia de programas de inserción social ou actividades ocupacionais.

No caso das casas de acollida, ademais, terase en conta o perfil da persoa usuaria, é dicir, a gravidade da situación de exclusión e a concorrencia de situacións de dependencia ou discapacidade.

O incremento adicional do crédito destinado a estas axudas ten por obxectivo facilitar no contexto económico actual o labor a estes colectivos. Neste sentido, é preciso lembrar que o Goberno galego aumentou durante 2009 e 2010 as partidas de axudas dirixidas a albergues e comedores sociais.

Así mesmo, a Xunta está a seguir de primeira man a situación destes colectivos coa celebración de xuntanzas periódicas. De feito, o pasado mes de xullo o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantiveron unha reunión coas principais asociacións deste eido.

903 lecturas