Baixa o número de emigrantes galegas e galegos residentes no exterior

Segue a aumentar en 2016, en cambio, o número de cidadás e cidadáns galegos xa nados no Exterior.

As e os cidadáns que xa residían fóra e adquiriron a nacionalidade, e os fillos e fillas de persoas galegas da diáspora, configuran as novas incorporacións ao PERE.

O número de galegas e galegos nados en Galicia e residentes no Exterior (emigrantes) redúcese en 615 persoas.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2017.
Listen to this page using ReadSpeaker

Galicia continúa medrando no Exterior, fíxoo en máis de oito mil persoas ao longo de 2016, segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Agora ben, este aumento non pode identificarse co número de persoas que ’deixaron’ Galicia, por canto engloba todo tipo de novas inscricións no PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro).

Así, seguindo a tendencia dos últimos anos, a maior parte das novas inscricións de galegas e galegos no Exterior responde a cidadás e cidadáns que teñen adquirido a nacionalidade española e veciñanza nalgún concello galego como consecuencia da denominada Lei de Memoria Histórica, e tamén existe unha porcentaxe significativa de fillas e fillos nados de galegas e galegos residentes na diáspora. É dicir, trátase de cidadás e cidadáns que non emigran, por canto non residían na Galicia territorial.

En cambio, o número de persoas galegas nadas en Galicia e residentes no Exterior (emigrantes) redúcese nun 0’40 por cento. Así, en 2015, as galegas e os galegos nados no territorio e que residían fóra eran 154.071, fronte aos 153.456 de 2016, seguindo a tendencia dos anos anteriores.

Pola contra, as galegas e os galegos residentes no Exterior xa nados na diáspora (ou incorporados ao PERE por adquisición de nacionalidade) aumentou desde 349.769 persoas a 358.374, un 2’46 % máis.

393 lecturas