44 estudantes londinenses chegan a Santiago para perfeccionar o seu galego

Trátase de alumnado de secundaria que estuda a lingua propia de Galicia no IE Cañada Blanch da capital británica. 

Os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración recibíronos esta tarde no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura.

  • Estas e estes 44 estudantes de galego en Londres teñen idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos
    Estas e estes 44 estudantes de galego en Londres teñen idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos
  • Estas e estes 44 estudantes de galego en Londres teñen idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos
    Estas e estes 44 estudantes de galego en Londres teñen idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2018.

Os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García Gómez e Antonio Rodríguez Miranda, recibiron esta tarde no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura a 44 estudantes do instituto londinense Cañada Blanch, que, tras cursaren a materia de Galego no seu centro educativo, veñen ata a nosa comunidade para perfeccionar os seus coñecementos de lingua e tomar contacto directo coa cultura do país.

Valentín García deulles a benvida aos rapaces e rapazas británicos e animounos “a terdes estes días os ollos e os oídos ben abertos para aproveitardes a viaxe e aprenderdes o máis posible, o que non é incompatible con pasalo ben”. O secretario xeral de Política Lingüística puxo ás e aos estudantes londinenses como exemplo para esa mocidade galega “que non se atreve a falar a lingua propia de Galicia porque non se sente segura empregándoa”. “Vós, con moito menos contacto co galego ca eles, con moitas menos ocasións para practicalo, podedes explicarlles que o importante é perder a vergoña e dar o paso e que despois, falando falando, é como se vai adquirindo máis dominio e seguridade”, asegurou García Gómez.

Pola súa banda, Antonio Rodríguez Miranda animou a todos os galegos e galegas residentes no exterior a aprender unha lingua que, “ademais de ser a que deu orixe a todo un universo cultural, o galego, dunha importancia incuestionable, é a da vosa orixe”. “E será, ademais, esa mesma lingua a que se converta no voso máis valioso aliado no caso de que decidades regresar á terra dos vosos pais e avós para construír nela o voso futuro persoal o laboral”, engadiu o secretario xeral da Emigración, “e o que vos permita integrarvos en igualdade de condicións co resto de galegos”.

Á recepción do alumnado londinense acudiu tamén a subdirectora de Política Lingüística, María Lourdes Batán Aira.

Viaxe de estudos
As e os 44 estudantes londinenses con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos de idade que foron recibidos hoxe na Cidade da Cultura son parte dos 87 alumnos e alumnas que cursaron este ano a materia de Galego no Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres.

Chegaron onte a Galicia acompañadas e acompañados da súa profesora Begoña González nunha viaxe de estudos, patrocinada polas Secretarías Xerais de Política Lingüística e da Emigración da Xunta, que permite mellorar as súas habilidades lingüísticas e o seu coñecemento cultural tanto durante a fase de planificación como durante a de execución. O programa combina  actividades na natureza, culturais e o encontro con rapaces e rapazas galegos do seu tempo, coas e cos que as e os londinenses teñen ocasión de falar e mellorar o seu coñecemento de lingua. As e os adolescentes británicos farán parada entre o 8 e o 12 de maio en Santiago, o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, Pontevedra, o Monte Pindo, O Ézaro, Carnota, Muros, o mosteiro de Carboeiro ou as Fervenzas do Toxa.

Galego en Londres
As clases de galego en Londres puxéronse en marcha hai máis de 25 anos cun convenio entre a Xunta e o Ministerio de Educación xurdido para darlles resposta ás necesidades dunha forte comunidade emigrante en Londres. Con todo, actualmente cursa esta materia, canda alumnado de familias galegas, outro que non ten máis vencello con Galicia ca o interese que esperta nel o noso idioma e cultura.

As clases de galego no Cañada Blanch van máis alá das aulas. Arredor delas xurdiu o proxecto ‘Galego en Londres’, que involucra a comunidade galega de Londres, visitantes habituais no instituto. As clases saltan os muros do centro educativo a través das múltiples actividades que impulsan para dar testemuño dunha Galicia punteira nos eidos artístico, científico e profesional. Todas elas pódense consultar no blog Fala Londres e a través das redes sociais baixo o nome de Galego en Londres (Facebook, Twitter e Instagram).

328 lecturas