24 emprendedoras e emprendedores retornados beneficiáronse en 2015 das subvencións de Emigración para o fomento da creación de empresas e emprego

A previsión é que a convocatoria para 2016 se publique ao longo do mes de febreiro, e cun aumento orzamentario importante, dado o crecemento sostido do número de solicitudes.

En palabras de Rodríguez Miranda, axúdase a crear novos postos de traballo “e aséntanse no territorio novas iniciativas emprendedoras, con recursos humanos e económicos que ata o de agora gardábanse ou movíanse no Exterior”.

A convocatoria para 2016 publicarase ao longo do mes de febreiro
A convocatoria para 2016 publicarase ao longo do mes de febreiro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2016.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se procede a dar publicidade ás subvencións concedidas durante o ano 2015, en réxime de concorrencia non competitiva, para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Galicia territorial das persoas galegas retornadas. A todas estas empresas –xa en funcionamento- fóiselles comunicada a concesión destas axudas, e liberados os fondos correspondentes, antes do remate do exercicio, en canto foi presentada a documentación correspondente.

Segundo o texto do diario institucional, a finalidade destas axudas é promover este retorno das persoas galegas emigrantes “subvencionando os gastos que leva consigo o seu establecemento como traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como membros traballadores en sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado”.

Para o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “estas axudas supoñen unha tripla vantaxe para a sociedade galega no seu conxunto. A primeira, é que cumprimos o mandato estatutario, que obriga ás institucións galegas a axudar e fomentar que os galegos da diáspora regresen á terra. A segunda, que moitos e moitas destes emprendedores traen a Galicia uns coñecementos, experiencia, e modos empresariais, innovadores e competitivos. E a terceira e máis importante, que mercé a estas empresas e negocios, créanse novos postos de traballo e aséntanse no territorio novas iniciativas emprendedoras, con recursos humanos e económicos que ata o de agora gardábanse ou movíanse no Exterior”.

Esta convocatoria deu pulo o ano pasado a vinte e catro iniciativas de persoas retornadas  emprendedoras. A listaxe que hoxe publica o DOG inclúe dezaoito delas (as que superan os 3.000 euros, tal e como marca a normativa). A previsión é que a convocatoria para o 2016 sexa publicada ao longo do mes de febreiro, e cun aumento orzamentario importante, dado o crecemento sostido do número de solicitudes.

Compatibles con outras
As subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Galicia territorial das persoas galegas retornadas é unha iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración posta en marcha na actual lexislatura, que complementan, sen excluílas, as axudas doutros departamentos da Xunta, como a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ou o IGAPE, para persoas autónomas e emprendedoras galegas, residan onde residan. Tamén son perfectamente compatibles coas que convoquen outras institucións e organismos, públicos e privados.

Ao longo dos tres exercicios en que leva desenvolvéndose, o seu crecemento foi exponencial, e grazas a ela puxéronse en marcha decenas de negocios, como un obradoiro de restauración, unha clínica dental, unha tenda delicatessen física e en liña, un proxecto de agricultura ecolóxica, unha tenda especializada en té, varias asesorías especializadas, ou un local de restauración con ludoteca para as e os cativos, entre moitas outras empresas.

A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos que leva consigo o establecemento do negocio impulsado por persoas galegas emigrantes retornadas, sendo obxecto de subvención para os destinatarios e destinatarias ata o 80 por cento dos gastos de notaría e rexistro, taxas, licencias administrativas, servizos profesionais externos, gastos derivados do desenvolvemento e implantación da páxina web e da pasarela de pago para a realización de ventas en liña, publicidade e propaganda, primas de seguros, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos, e subministración de servizos imputables ao desenvolvemento da actividade (tales como calefacción, auga, electricidade, telefonía e/ou internet).

A contía tope da axuda é de 4.000 euros para autónomas e autónomos e 6.000 para sociedades laborais ou cooperativas, en ambos casos con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos, e outro 1.000 máis se a persoa solicitante é muller. Os requisitos que contempla a convocatoria anual son: cumprir a condición de persoa galega retornada, que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dado de alta nalgúns dos réximes da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que lle corresponda.

Orixe do retorno
Das vinte e catro solicitudes concedidas este ano no programa para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Galicia territorial por parte de persoas galegas retornadas, as e os beneficiarios tiñan anterior residencia en Venezuela (en 5 casos), Suíza (4), Reino Unido (4), Francia (2), Alemaña (2), Andorra (2), e Brasil,  México, Polonia, Paraguai e Portugal (1).

882 lecturas