Programa de viaxes "Reencontros na casa" para residentes no exterior 2014

Listen to this page using ReadSpeaker
3535 lecturas
Información do programa e formularios de inscrición.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 11 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros na Casa para residentes no exterior, durante o ano 2014.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
18.02.2014
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto e finalidade das axudas:
O programa Reencontros na casa está orientado a promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Prazas convocadas e datas de realización:
A asignación do número de prazas, queda fixada para o ano 2014 do seguinte modo:

Países Nº de prazas
Arxentina    88
Brasil    17
Cuba    10
Uruguai    70
Venezuela    6
Outros países    3
Total    194


As prazas que queden vacantes, ata un máximo dun 25 % do total das 194 prazas, distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de prazas nas solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas.

O 90 % das prazas asignadas a cada país destinarase a emigrantes galegos/as e äs/aos seus/súas cónxuxes, e o 10 % restante aos fillos/as de emigrantes, cumprindo os requisitos da convocatoria. Só no caso de que non se cubrise a última das cotas anteriores, poderían redistribuírse as prazas, engadindo as prazas vacantes á primeira das ditas cotas.

As datas de chegada dos/as participantes a Galicia serán, previsiblemente, entre o 16 e o 19 de xuño de 2014.

Prazo de presentación de solicitudes
Ata o 31  de marzo de 2014 (40 días naturais contados a partires do día seguinte ao da publicación).

Beneficiarios/as:

  1. Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
    1.1. Ser emigrante galego/a.
    1.2. Ter a nacionalidade española.
    1.3. Residir en América.
    1.4. Ter cando menos, 60 anos e estar xubilado/a ou ter, cando menos 65 anos de idade, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
    1.5. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.
    1.6. Para ser beneficiarios/as deste programa será necesario que poidan valerse por si mesmos e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditarse mediante os correspondentes certificados médicos.
    1.7. Ter familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade con quen poidan residir durante a súa estadía en Galicia.
    1.8. Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social para o ano da convocatoria, segundo os países de residencia. Se o/a solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número de conviventes menos un.
  2. Poderán ser beneficiarias, como acompañantes, as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga coas solicitantes do programa indicadas no punto 1, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.3, 1.5 e 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.
  3. Tamén poderán ser solicitantes os fillos/as de emigrantes galegos/as que teñan a condición de galegos/as e cumpran os requisitos indicados nos números 1.2, 1.3, 1.4, 1.5, 1.6, 1.7 e 1.8 anteriores.

Documentación a presentar:

  1. A documentación que deberá achegar o/a solicitante é a seguinte:
    a) Solicitude segundo o modelo normalizado do anexo I.
    b) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade:
    DNI da persoa solicitante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta na propia solicitude. Para o resto, pasaporte en vigor ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade do/a solicitante ou certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residente.
    c) Documentación acreditativa da última veciñanza administrativa en Galicia. As persoas que soliciten o programa por aplicación do número 3 do artigo 2 desta resolución deberán acreditar ser fillos de emigrante galego/a e ter a condición de galegos/as mediante a inscrición no Censo de residentes ausentes nun concello galego.
    d) Documentación acreditativa da residencia en América, do lugar e da data de nacemento, no caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.
    e) Nos países en que exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, copia da última declaración presentada polo solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar. No caso de que o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar non estivesen obrigados a realizala, xustificación oficial desta circunstancia e certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.
    f) Nos países en que non exista obriga de presentar declaración da renda das persoas físicas ou declaración similar, certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba o/a solicitante e/ou os membros da unidade económica familiar.
    g) Certificado médico, segundo o modelo incluído no anexo II desta resolución, conforme o solicitante é válido por si mesmo e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
    h) Libro de familia, se procede. No seu defecto, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.
  2. O/a cónxuxe ou persoa unida ao/á solicitante emigrante galego/a por unión de feito ou relación análoga, de ser o caso, deberá presentar a seguinte documentación:
    a) Documentación acreditativa da identidade:
    DNI do/a cónxuxe acompañante que posúa a nacionalidade española, no caso de non prestar o seu consentimento expreso para que a Secretaría Xeral da Emigración comprobe, por medio de acceso electrónico, a verificación dos seus datos de identidade, segundo o modelo que consta no anexo III desta resolución. Para o resto, pasaporte en vigor.
    b) Documentación acreditativa da residencia en América.
    c) Certificado médico segundo o modelo incluído no anexo IV desta resolución, conforme é válido por si mesmo e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

Características:

  1. A condición de beneficiario/a deste programa quedará supeditada ao compromiso de acollida dos familiares do solicitante residentes en Galicia e ao pagamento, dentro do prazo establecido no seu momento, da porcentaxe correspondente da pasaxe de avión.
  2. Os/as participantes poderán permanecer cos seus familiares en Galicia ata completar un período máximo de 3 meses, e serán pola súa conta todos os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro derivado da súa estadía en Galicia.
  3. As viaxes serán de ida e volta, desde o país de residencia habitual do/a solicitante ata un aeroporto de Galicia.
  4. Os/as beneficiarios/as deberán ingresar, por transferencia ou tarxeta de pagamento, na conta bancaria da axencia de viaxes designada, a parte que lles corresponda do importe do billete. Entenderase que os/as que non cumpran con este requisito desisten da súa solicitude.
  5. A prestación de asistencia sanitaria dos/das beneficiarios/as será de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

Lugar de presentación:

  1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado que figura como anexo I desta resolución, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
    A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante, carecendo do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos/as cidadáns/ás aos servizos públicos, e do artigo 22.3 do citado Decreto 198/2010. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos.
    Os/as interesados/as que non posúan certificado e así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:
    * En Brasil:
       - Peña Galega da Casa de España de Río de Xaneiro.
       - Real Sociedade Española de Beneficencia de Salvador-Baía
       - Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo
       - Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos
    * En Cuba:
       - Federación de Sociedades Galegas en La Habana
    * En Venezuela:
       - Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas.
    A utilización desta vía requirirá unha autorización que o/a interesado/a lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.
    As entidades colaboradoras no exterior, deberanlle remitir á Secretaría Xeral da Emigración as solicitudes recibidas, xunto con toda a documentación, no prazo dos dous días seguintes ao remate do prazo de presentación. Este prazo soamente será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral da Emigración.
  2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Poderanse presentar nas delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, nas oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.
  3. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Emigración, sita na Rúa Basquiños 2, 15704 Santiago de Compostela.

Os modelos normalizados de solicitude poderán obterse nas paxinas web https://sede.xunta.es e http://emigracion.xunta.es.

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DE SOLICITUDES: Picar aquí para acceder á sede electrónica

Texto íntegro da convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
31.03.2014