Programa de axudas para a participación en actividades de Campamentos e Campos de Traballo no ano 2012

Listen to this page using ReadSpeaker
4849 lecturas
Información dos programas de campamentos e campos de traballo dirixidos a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos/as e que residan no exterior e formularios para a inscrición.
Resolución da convocatoria: 
RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2012, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se convoca e regula para o ano 2012 o programa de axudas para a participación en actividades de campamentos e campos de traballo dirixidos a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos/as e que residan no exterior.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
07.02.2012
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto: Facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.


Número de prazas convocadas e características:

1.- Actividades de campamento: convócanse 213 prazas en campamentos e albergues xuvenís situados en Galicia, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, en dúas quendas no mes de xullo. Estas prazas distribuiranse conforme o establecido no anexo II. O programa desenvólvese en dúas quendas diferentes con actividades tamén diferenciadas:

a) Na quenda do 1 ao 12 de xullo ten lugar a actividade «Galiza: verde e azul», que busca proporcionar aos mozos e mozas de fóra de Galicia un mellor coñecemento da nosa terra. Os participantes –con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos– residirán en dúas instalacións: seis días na zona de interior, no Campamento Xuvenil Os Chacotes, Palas de Rei (Lugo), e seis días na zona de costa, no Albergue Xuvenil de Gandarío-Bergondo (A Coruña), e permanecerán en tendas de campaña no primeiro caso e nun albergue, en cuartos compartidos, no segundo.

b) Na segunda quenda, do 17 ao 28 de xullo, teñen lugar as actividades «Vela e táboa», «En bicicleta e cabalo pola natureza» e un programa de actividades para maiores de 18 anos. As instalacións están situadas en Gandarío, Bergondo (A Coruña) e Furelos, Melide (A Coruña).

Complemento das actividades son as prácticas deportivas variadas acordes coa instalación en que se atopen residindo en cada momento (náuticas, de natureza, distintos deportes e xogos, marcha, praia, etc.).Igualmente, prográmanse actividades culturais para coñecemento da realidade social de Galicia (charlas, proxeccións, visitas a museos ou zonas de interese cultural, etc.).

2.- Campos de traballo: convócanse 20 prazas en campos de traballo, situados en distintas localidades da Comunidade Autónoma galega, para participantes con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos de idade. As instalacións e datas concretas adaptaranse ao disposto na convocatoria do programa de campos de traballo da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental do noso contorno e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de animación, de lecer e tempo libre.

 

Destinatarios/as:

Poderán ser beneficiarios/as deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter residencia habitual fóra de Galicia.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de emigrante galego/a ata o segundo grao de consanguinidade.
c) Ter nacionalidade española.
d) Atoparse vinculado/a con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aqueles/as solicitantes que teñan 18 ou máis anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
e) Ter unha idade entre 14 e 20 anos, o 30 de xuño do ano da convocatoria, para os e as participantes en actividades de campamento.
f) Ter unha idade entre 18 e 30 anos, o 30 de xuño do ano da convocatoria, para os e as participantes en campos de traballo.
g) No caso das e dos solicitantes de actividades de campamentos non ter participado en edicións anteriores nesta modalidade.
h) No caso de solicitantes en campos de traballo, non ter participado en edicións anteriores na modalidade de campos de traballo.
i) Para as prazas financiadas ao 100% da axuda do custo da viaxe, estes e estas solicitantes non deben contar a unidade económica familiar con ingresos superiores, en renda per cápita, a 2,5 veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente, de referencia para o ano da convocatoria, do país de residencia do solicitante, e para os solicitantes residentes en Cuba os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano da convocatoria.
j) Para os e as solicitantes que opten a prazas financiadas ao 50 % da axuda de custo da viaxe, poderán superar os límites de ingresos establecidos no punto anterior.
 

Lugar de presentación das solicitudes:

1. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración, na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, na Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Poderán presentarse nas consellerías de Traballo e Asuntos Sociais, nas seccións de Traballo e Asuntos Sociais das oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante.

2. Os interesados e as interesadas que así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se sinalan a seguir, para a presentación en formato electrónico das súas solicitudes:

  •   En Brasil:
    – Peña Galega de la Casa de España (Río de Janeiro).
    – Real Sociedade Española de Beneficencia (Salvador-Bahia).
    – Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrução (São Paulo).
    – Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro (Santos).
  •  En Venezuela:
    -Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas).
  •  En Cuba:
    – Federación de Sociedades Galegas en Cuba.

Documentación adxunta:

*Nota: Permite cubrir os datos directamente sobre o formulario e a continuación imprimir o documento. Non se pode gardar o documento xa que se perderán todos os cambios realizados.

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
08.03.2012