Cursos preparatorios de Lingua Galega para os niveis Celga e de extensión cultural 2010-2011.

Listen to this page using ReadSpeaker
1017 lecturas
Información e formularios de inscrición nos cursos preparatorios de lingua galega, para os niveis Celga e de extensión cultural, para galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.
Resolución da convocatoria: 
Diario oficial de Galicia Nº109, 10 de Xuño de 2010. Resolución conxunta do 4 de xuño de 2010, da Secretaría Xeral da Emigración e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncian, con carácter gratuíto, cursos preparatorios de lingua galega, para os niveis Celga e de extensión cultural, para galegos residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración e Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística
Data de publicación: 
10.06.2010
Estado: 
Procedemento pechado

Cursos convocados:

Os cursos convocados son os seguintes:

a) Cursos de lingua galega e de extensión cultural nos centros galegos e entidades sen ánimo de lucro, radicadas fóra de Galicia, interesadas no coñecemento da lingua e cultura galega.

b) Galego na túa cidade. Cursos de lingua galega dirixido a persoas residentes no exterior que estean interesadas no coñecemento da lingua galega.

Solicitantes:

  • Cursos de lingua galega e de extensión cultural.- Poderán solicitar estes cursos as entidades galegas que teñan recoñecida a galeguidade ou a súa condición de centro colaborador, ou ben unha agrupación, federación ou unión destas entidades, así como outras entidades sen fin de lucro radicadas no exterior, legalmente constituídas, que teñan entre os seus obxectivos a promoción e difusión da cultura galega, que contribúan a favorecer a difusión e preservación do patrimonio cultural galego no exterior.
  • Cursos de galego na túa cidade.- Poderán solicitar a súa inscrición no programa os cidadáns e cidadás galegos residentes no exterior e os seus descendentes ou calquera outra persoa interesada no estudo e coñecemento da lingua galega. Os solicitantes poderán preinscribirse a través do formulario que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración GaliciaAberta.com

Prazo de presentación: O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de marzo de 2011 para ambos os dous programas.

Matrícula:

1. Cursos de lingua galega e extensión cultural:

Descargar o formulario de inscrición para entidades galegas (picar aquí)

Para entidades galegas solicitantes, agrupacións ou federacións solicitantes dos cursos de lingua galega e extensión cultural, e entidades sen ánimo de lucro, a documentación necesaria será:

a) Solicitude da entidade segundo o modelo do anexo I desta resolución.

b) Relación nominal dos participantes preinscritos en que constarán: apelidos e nome, idade, número do DNI ou do pasaporte e grao de ascendencia galega, se é o caso.

As entidades galegas presentarán as solicitudes, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral da Emigración (r/ Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), na delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (República Arxentina), na delegación da Xunta de Galicia en Montevideo (Uruguai) ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No suposto de que a documentación presentada fose incompleta, a Secretaría Xeral da Emigración requirirá o interesado para que, no prazo de dez días, emende a súa solicitude, indicándolle que, se non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na solicitude da entidade deberase indicar as datas, lugar e horarios do curso.

Será preceptivo que a entidade ou conxunto de entidades solicitantes designen unha persoa que coordine as xestións desta actividade coa secretaría, e deberán indicar o seu nome e apelidos, número de teléfono e horario de localización.

2. Cursos de galego na túa cidade:

Descargue o formulario de Inscrición para particulares (picar aquí)

Para cursos de galego na túa cidade, formalizarase a solicitude a través da páxina web da Secretaría Xeral da Emigración, GaliciaAberta.com, da seguinte maneira:

O modelo de solicitude segundo o anexo II desta resolución estará á disposición de todos os interesados e interesadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración, ao premer na icona Cursos de lingua galega na túa cidade (Celga). Despois de premer na modalidade elixida, as persoas solicitantes deberán cubrir todos os datos que aparecen na pantalla e, deseguido, validalos e confirmalos.

As solicitudes, unha vez validadas e impresas, deberán asinalas os solicitantes e remitilas á Secretaría Xeral da Emigración, sita nos Basquiños, número 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña. A remisión efectuarase preferentemente mediante correo electrónico ao enderezo: acción.cultural.em.sc@xunta.es ou vía fax (00 34 981 54 72 95). Tamén poderán ser presentadas na delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (Arxentina), na delegación da Xunta de Galicia en Montevideo (Uruguai), ou mediante calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre os que se atopan as oficinas de correos.

Documentación:

Anexo I: Formulario de Inscrición para entidades galegas

Anexo II: Formulario de Inscrición para particulares

Data de publicación: 10 de Xuño de 2010