Axudas extraordinarias a emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus/súas familiares para o ano 2013

Listen to this page using ReadSpeaker
2414 lecturas
Información e instrucións para a cumprimentación de solicitudes.
Resolución da convocatoria: 
RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2013, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e aos seus familiares e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
23.05.2013
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto das Axudas:

A Secretaría Xeral da Emigración convoca axudas extraordinarias a emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus/súas familiares para o exercicio 2013. O obxecto é a concesión de axudas extraordinarias e non periódicas dirixidas aos/ás emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus/súas familiares, para axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

No marco desta resolución preténdese reforzar a cobertura aos galegos/as retornados/as, así como establecer, ademais das axudas concedidas con carácter xenérico, outras destinadas a sufragar, cos límites establecidos, os seguintes gastos derivados do retorno consistentes en traslado de enxoval, gastos da viaxe do retorno e tradución e legalización de documentos.

Beneficiarios/as:

Poderán ser beneficiarias destas axudas as seguintes persoas:

a) Os/as cidadáns/ás españois  e españolas que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e volveron a Galicia sempre que, antes de emigrar, tiveran a súa última veciñanza administrativa en Galicia e así estivese acreditado no correspondente consulado de España, así como os emigrantes naturais de Galicia que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e volveron á Comunidade Autónoma.

b) Os/as familiares das persoas indicadas na liña anterior unidos/as a estes/as por matrimonio ou que sexan parella de feito, parentesco por afinidade en primeiro grao, ou por adopción e parentes consanguíneos de ata o segundo grao, así como os viúvos/as ou orfos/as deses emigrantes.

Os/as anteditos/as beneficiarios/as deberán acreditar estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno e ter a súa residencia actual en Galicia.

Requisitos dos/as beneficiarios/as:

  • Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de 3 anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España.
  • Ter traballado no exterior durante un período mínimo de 1 ano. Quedarán eximidos deste requisito:
    -As persoas que teñan 65 anos ou máis na data de publicación desta resolución ou que cumpran 65 anos ao longo do ano 2013.
    -Os/as solicitantes que teñan recoñecida unha discapacidade por un organismo público oficial español nun grao igual ou superior ao 65%.
  • Non ter transcorrido máis dun ano entre a data do seu retorno a España e a data de publicación desta resolución (23/05/2013).
  • Estar empadroado/a e ter residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Carecer de rendas ou ingresos suficientes, computándose como tales todo tipo de rendas, incluso as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta resolución.
    Entenderanse como rendas ou ingresos insuficientes os que non superen en cómputo global, o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), fixado para o ano 2013 en 532,51€ mensuais, e relativos á renda per cápita da unidade familiar.
  • Carecer de bens mobles e/ou inmobles cuxo valor supere o límite de 15.000 € máis 5.000 adicional por cada membro da unidade familiar.
  • Quedan excluídos/as das axudas desta resolución:
  1. Os/as beneficiarios /as de anteriores resolucións da Secretaría Xeral da Emigración de axudas extraordinarias a emigrantes galegos/as retornados/as e aos seus familiares.
  2. Os/as solicitantes que teñan bens patrimoniais (mobles e/ou inmobles), cuxo valor supere o límite de 15.000 € máis 5.000 adicional por cada membro da unidade familiar.

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: picar aquí para acceder á Sede Electrónica

Outra documentación para descargar:

 

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
30.09.2013