XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas

Pestanas principais

XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas

XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas
1297 lecturas

XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas

O venres 27 e o sábado 28 de maio celébrase na Habana o XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas, a reunión do órgano representativo das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia, e o primeiro que se celebra ao abeiro da nova Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

A celebración desta xuntanza da Galeguidade -que ordinariamente ten un carácter trianual- cobra un carácter aínda máis emotivo ao celebrarse nun país, Cuba, historicamente irmandado con Galicia: a maior das Antillas foi o primeiro destino masivo da diáspora galega xa a partir do segundo cuarto do século XIX e na actualidade residen alí preto de corenta mil galegas e galegos. Alí atopamos o xermolo de símbolos identitarios como a nosa bandeira ou a Real Academia Galega e -precisamente no Palacio do antigo Centro Galego da Habana (hoxe Gran Teatro Alicia Alonso) onde se vai celebrar este XI plenario do CCG- alí escoitouse por vez primeira o himno galego.

Nesta undécima cita abordaranse múltiples cuestións relacionadas cos movementos migratorios de cidadás e cidadáns galegos e as e os seus descendentes, e as comunidades que os aglutinan. O encontro pivotará en torno a catro asuntos centrais: o desenvolvemento tecnolóxico para un mellor servizo á cidadanía galega que reside fóra do territorio; o papel social das entidades galegas no Exterior; a análise do pasado, presente e –sobre todo- futuro da súa achega cultural; e os retos da Galeguidade para o futuro inmediato e cara as segundas xeracións nadas xa na diáspora.

Páxinas

O Consello de Comunidades Galegas é o órgano representativo das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia. Con carácter deliberante e funcións consultivas, o Consello asesora á Administración autonómica no cumprimento dos fins establecidos na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

A súa organización e funcionamento regúlase no Decreto 111/2015, do 6 de agosto, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas.

Compoñen o Consello de Comunidades Galegas:

a) A Presidencia: a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia

b) A Vicepresidencia: a persoa titular do órgano competente en materia de emigración da Xunta de Galicia

c) As vogalías:

  • As persoas titulares dos órganos e representantes das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia con competencias en materia de: Presidencia e administración pública; Educación e ordenación universitaria; Industria e comercio; Traballo e servizos sociais; Xuventude; Muller e igualdade; Cultura; Sanidade; Relacións exteriores e cooperación internacional; Deporte; Turismo
  • Unha persoa representante do Consello da Cultura Galega
  • Unha persoa representante da Real Academia Galega
  • Unha persoa representante do Sistema Universitario de Galicia
  • Unha persoa representante de cada unha das comunidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade

d) A Secretaría: a persoa funcionaria nomeada pola persoa titular do órgano competente en materia de emigración.

Consello de Comunidades Galegas

De acordo ao establecido no Decreto 66/2014, do 23 de maio, de regulamento da condición de comunidade galega e de centro colaborador da galeguidade, e do Rexistro da Galeguidade, en desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, celebrarase o venres 27 e o sábado 28 de maio do presente ano 2016, na cidade da Habana, o XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas.

1297 lecturas